luns, 16 de decembro de 2024

A SINGULARIDADE DA TERRA



A Terra é única dentro do Sistema Solar pola súa enorme abundancia de auga en estado líquido que cobre máis do 70% da súa superficie. Este feito é unha das claves que permite a vida tal e como a coñecemos. 

Estamos situados na distancia xusta do Sol, o que fai posible que a auga exista en estado líquido: se estivésemos máis preto as temperaturas serían demasiado altas, e máis lonxe a auga estaría conxelada. 

A pesar de que a Terra é o único planeta no que a auga flúe en estado líquido, non é o único lugar do Sistema Solar onde se atopou rexistro dela. En Marte encontráronse restos de evidencia de auga conxelada, posiblemente por casquetes polares formados por xeo e dióxido de carbono conxelado. Tamén encontráronse restos de antigos cursos de auga e lagos, o que indica que no pasado este planeta tivo auga líquida na súa superficie. 

Outro corpo celeste que espertou un gran interese é Europa, unha das lúas de Xúpiter. A súa superficie móstrase conxelada, pero debaixo desa capa de xeo encóntrase auga líquida. Este descubrimento abriu a posibilidade de que poida ser un lugar onde podería existir vida extraterrestre, incluso en formas simples como microorganismos.

 


 
Non existe outro lugar no Sistema Solar onde haxa tanta abundancia de auga, polo que xorde a pregunta:

 Cal é a orixe da enorme cantidade que cobre a Terra?

 A resposta a este feito é unha cuestión que non está moi clara e séguese investigando hoxe en día. Aínda que se teñen proposto diversas hipóteses, non hai unha teoría definitiva que resolva a dúbida  sobre como o noso planeta chegou a estar cuberto por tanta cantidade de auga. O que si está claro é que este elemento foi esencial para o desenvolvemento da vida tal como a coñecemos. 

 

Ao longo dos anos os científicos desenvolveron dúas teorías para explicar a orixe da auga do noso planeta.

1.A AUGA ORIXINOUSE NA PROPIA TERRA

Esta teoría suxire que a auga xa estaba presente no planeta dende o principio, cando a Terra estaba formándose. Durante o desenvolvemento da atmosfera primitiva o vapor de auga estivo presente en grandes cantidades. Este vapor proviña sobre todo dos gases liberados pola intensa actividade volcánica que houbo nesa fase inicial. A medida que a superficie da Terra e a súa atmosfera comezaron a arrefriarse, este vapor condensouse, formando nubes que finalmente precipitaron en forma de choiva. Con estas choivas continuas, a auga acumulouse na superficie terrestre, dando orixe aos océanos. Este proceso durou millóns de anos e deu comezo ao ciclo hidrolóxico, no que a auga comezou a circular entre a superficie terrestre e a atmósfera. Este ciclo foi clave para estabilizar as condicións climáticas e químicas que favorecerían despois ao xurdimento da vida.


Non obstante, crése que este vapor inicial non foi a única fonte de auga no planeta. 

2.A AUGA CHEGOU DENDE O ESPAZO


Moitos científicos pensan que a gran parte da auga chegou dende o espazo, a través de cometas e asteroides fai miles de millóns de anos. Estes corpos celestes compostos por xeo e outras substancias chocaron contra a Terra cando estaba comezando a formarse, liberando grandes cantidades de auga que quedaron acumuladas na superficie. Co tempo, esta auga xunto coa que se creou dentro do propio planeta formou os océanos.







OS OCÉANOS PRIMITIVOS E A SÚA INFLUENCIA NO DESENVOLVEMENTO  DA VIDA 


Os océanos primitivos da Terra foron fundamentais para a orixe e a evolución da vida. Non eran iguais aos de agora, senón que estaban formados por unha auga que contiña compostos químicos que procedían dos impactos de asteroides e das erupcións volcánicas. Esta  combinación de compoñentes creou as condicións necesarias para que se formaran as primeiras moléculas orgánicas, o que favoreceu ao desenvolvemento da vida.

Ao longo do tempo, os océanos contribuíron a diversidade de especies, dando lugar a un hábitat perfecto para a evolución dos primeiros organismos unicelulares ata as formas máis complexas.

Foron fundamentais tanto para a vida mariña como para a terrestre, xa que a relación entre estes dous ecosistemas permitiu a colonización de novos hábitats, favorecendo así a evolución da vida en todos os ambientes.



 
 
 

 
 
 
 



 

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.

INVISIBLES PERO ESENCIAIS

Cando falamos de xenética case sempre nos ven á cabeza o nome de Gregor Mendel, o monxe austríaco que experimentando con chícharos formulou ...