martes, 17 de decembro de 2024

RICOS E POBRES, TODOS SEREMOS RECORDADOS DO MESMO XEITO

 


Actualmente no planeta Terra hai aproximadamente 8 mil millóns de habitantes. Entre todas estas persoas, é obvio que haberá distincións: algúns serán máis altos, outros máis baixos, máis ricos, máis pobres, de un sitio ou de outro… pero no futuro, isto non será importante: todos seremos recordados como fósiles e teremos o mesmo valor para a historia e reconstrución da Terra. De feito, xa temos constancia de restos humanos fosilizados na actualidade, aínda que antes de meternos nese tema, é preciso responder a unha cuestión: que son os fósiles?

Os fósiles son toda aquela evidencia de vida antiga, ademais de ser a principal fonte para coñecer a diversidade biolóxica da antigüidade, xunto coa súa evolución co paso do tempo. Tamén proporcionan información moi importante para a Xeoloxía, pois grazas a eles a día de hoxe somos capaces de reconstruír a vida da Terra, en maior ou menor medida.

Para clasificalos, poderíamos dicir que se seguen dous criterios principais: o xeito no que foron preservados e a información que nos aportan.

Segundo a forma na que foron preservados, podemos facer as seguintes distincións:

•Fósiles Mineralizados

Estes son os fósiles máis sinxelos de recoñecer, mais son os máis complicados de atopar pola complicación das condicións que se teñen que dar para que fosilicen desta maneira.

Fosilizan desta forma as partes duras de seres vivos que se descompoñen lentamente, pois hai o suficiente tempo como para que os compoñentes orgánicos sexan substituídos polas sustancias minerais. O proceso é moi lento e progresivo, pero a información que aportan sobre a historia da Terra vale a pena completamente. Ademáis, a forma orixinal do ser vivo consérvase perfectamente.


•Pegadas de extremidades


Fórmanse cando un ser vivo pisa e deixa marca da súa pisada nun terreo brando, que posteriormente é recuberto por outro sedimento. 


Estas pegadas ofrecen información moi valiosa e dan pé a deducións de hábitos, tamaño, peso, forma de desprazamento… do ser vivo ao que pertencen.

Dentro desta categoría, as máis coñecidas son as icnitas, é dicir, as pegadas de dinosauros.


•Inclusións en ámbar

Moitos organismos pousábanse en plantas, pero algúns deles tiñan a mala sorte (aínda que moi boa para nós) de quedar atrapados por unha gota de ámbar (resina de plantas leñosas fosilizadas), quedando conservados ata os nosos días.


Este tipo de fósiles servíronnos para obter amplos coñecementos nos insectos de fai máis de 200 millóns de anos.


•Rastros de actividade

Estes son os fósiles máis “xerais”, pois abarcan todo tipo de evidencia de actividade biolóxica.


Dentro deste grupo, os máis populares son os coprolitos dos dinosauros, que poden aportar información sobre a súa dieta, hábitos alimentarios, fisioloxía e incluso dos parasitos que tiña o dinosauro en cuestión.


Ademáis desta clasificación, tamén podemos dividilos segundo a información que nos proporcionan:

•Fósiles guía

Os fósiles guía son aqueles que se usan na datación de estratos e que serven para establecer correlacións moi precisas entre estratos moi afastados xeograficamente, pero que son da mesma idade. 

Pertencen a especies que evolucionaron rápido e que se expandiron por moitas e moi diversas áreas do planeta durante a súa vida. Só son considerados fósiles guía os restos que pertencen a este tipo de especies porque desta forma só poderemos atopalos en estratos dunha idade específica, permitindo todos os avances mencionados anteriormente.


•Fósiles de facies

Os fósiles de facies apórtannos información sobre as condicións ambientais da época e lugar aos que pertencen.

Pertencen a especies que vivían en lugares moi restrinxidos e con características ambientais moi determinadas, como por exemplo os corais, que viven en medios mariños con pouca profundidade, augas moi osixenadas, ben iluminadas e cálidas.



Os fósiles non só serviron para analizar e reconstruír a historia doutros seres vivos, senón que tamén serviron para entender e ordear cronoloxicamente a nosa propia historia e a nosa evolución. Para isto, usáronse os fósiles humanos que se foron descubrindo co tempo. A día de hoxe, temos unha selección de fósiles especialmente importantes: Lucy, O Neno de Turkuana e Ardi.


•Lucy

Lucy é un fósil humano pertencente á especie de Australopithecus Afarensis, que foi descuberto por Donald Johanson e o seu equipo en 1974 en Etiopía, específicamente na rexión de Afar, cunha idade de aproximadamente 3,2 millóns de anos.

Lucy é un esqueleto dunha muller adulta completo aproximadamente un 40%, e o seu nome provén da canción "Diamonds in the Sky", a cal cantaron os seus descubridores tras encontrala, a modo de celebración.

Lucy é un dos fósiles humanos máis famosos na actualidade, e teno ben merecido. Os seus restos axudaron a comprender cando a nosa especie se separou dos primates, pois a forma dos seus ósos suxire que a súa especie xa tiña unha locomoción similar a nosa e que eran bípedos. Ademais, axudou a explorar como diferentes especies de homínidos conviviron en África.


•O Neno de Turkuana


O Neno de Turkuana é un fósil humano pertencente á especie de Homo Ergaster, que foi descuberto en 1984 en Kenia, na rexión de Turkuana, cunha idade aproximada de 1,6 millóns de anos.

Este é o fósil humano máis completo que temos ata esta data, e axudou a comprender a evolución do cerebro humano, pois aínda que tiña máis capacidade cerebral que os Australopithecus, tiña menos que a dun humano actual.


•Ardi

Ardi é un fósil humano pertencente á especie de Ardipithecus ramidus, descuberto en 1994 por un equipo estadounidense na depresión de Afar, especificamente na parte coñecida como Awash Medio, cunha idade aproximada de 4,4 millóns de anos.

Ardi desafiou as teorías da orixe humana, pois ata entón a investigación científica apuntaba a que os humanos estabamos completamente relacionados cos chimpancés e que a separación de especies ocorrera hai aproximadamente 5 millóns de anos. De calquera xeito, Ardi demostraba cos seus ósos que tiña unha locomoción híbrida: trepaba árbores, pero tamén camiñaba erguida, algo completamente contrario ao esperado, é dicir, que camiñase cos cotelos pegados ao chan pola súa antigüidade. Segundo os científicos, canto máis antigo o fósil, máis parecido debía ser aos chimpancés, pero isto non foi así con este.


En resumo, nun futuro non importarán as nosas clases sociais nin diferenzas, pois o único que determinará a nosa importancia no mundo será a nosa fosilización. Se fosilizamos ben e algún paleontólogo ten a sorte de atoparnos, seremos determinantes. Se non, seremos recordados igual que o resto, sen importar a cantidade de cartos na nosa conta bancaria.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.

INVISIBLES PERO ESENCIAIS

Cando falamos de xenética case sempre nos ven á cabeza o nome de Gregor Mendel, o monxe austríaco que experimentando con chícharos formulou ...