Na actualidade, a xenética forma parte da vida cotiá moito máis do que imaxinamos. Os avances científicos permitiron que o estudo do ADN deixara de estar limitado nos laboratorios e pasara a empregarse en cousas tan importantes como a agricultura, medicina ou a investigación criminal.
Un dos campos nos que a xenética tivo un maior impacto é o da xenética forense. Grazas ao desenvolvemento de técnicas precisas para analizar a xenética, é posible resolver delitos ou crimes que antes estaban sen resposta ou ser resolver. A través das mostras biolóxicas recollidas nun escenario do crime, pódese identificar ao autor, confirmar sospeitas ou suposicións ou demostrar a inocencia de persoas acusadas por erro.
Que é o ADN e por que é único?
O ADN é unha molécula que contén toda a información necesaria para o funcionamento e desenvolvemento dos seres vivos. Atópase no núcleo das células e actúa como un conxunto de instrucións que determinan as características de cada individuo.
A secuencia de ADN é distinta en cada persoa, salvo no caso dos xemelgos monocigóticos. Esta singularidade convérteo nun identificador xenético único. Por iso, o ADN resulta moi útil en investigacións forenses. Cando se recollen mostras biolóxicas nunha escena do crime, é posible analizalas e comparalas co perfil xenético doutros individuos, permitindo identificar con precisión ao posible autor ou descartar sospeitas.
Proceso de identificación por ADN:
O proceso de identificación do ADN ten varios pasos:
Recollida da mostra: a policía científica recolle mostras como poden ser de sangue, saliva, pelo, suor ou outros restos biolóxicos atopados na escena do crime.
2. Extracción do ADN: as probas son levadas ao laboratorio onde o ADN é separado das células da mostra. Úsanse produtos químicos para romper as membranas celulares. Unha vez obtido o ADN, gárdase con coidado para non danalo.
3. Ampliación do ADN coa técnica PCR: con esta técnica, cópianse ou amplifícanse moitos fragmentos do ADN para ser estudiado máis en detalle.
4. Análise das rexións STR: no ADN existen zonas chamadas STR, que son secuencias curtas de ADN que se repiten varias veces. Estas rexións son moi variables entre persoas, incluso entre irmáns. Os científicos analizan estas partes porque permiten distinguir dun individuo a outro con moita precisión.
5. Comparación entre perfís xenéticos: Unha vez obtido o perfil xenético da mostra, compárase cos perfís doutros individuos. Esta comparación pode facerse co ADN de sospeitosos ou con bases de datos forenses. Se os perfís coinciden, identifícase a persoa á que pertence a mostra.
O ADN na investigación criminal:
Cando se comezou a analizar o ADN nas investigacións, todo cambiou, porque foi posible estudar moitos casos como delitos reais. Antes de que se empregase o ADN, había numerosos casos que quedaban sen solución por falta de probas. Hoxe en día, as mostras biolóxicas recollidas nos lugares dos feitos son fundamentais para resolver estas investigacións. Este progreso na ciencia non só axudou a resolver crimes importantes, senón que tamén facilitou a liberación de persoas que foran condenadas de forma inxusta, ademais de relacionar sospeitosos con casos que permanecían abertos.
Casos reais:
O caso do “Golden State Killer” (EE.UU, 2018):
Entre 1970 e 1980, unha serie de crimes aterrorizou California. Un home cometeu máis de 50 violacións e 13 asasinatos en distintas zonas do estado. A pesar das investigacións, o autor nunca fora identificado. A policía deulle varios nomes ao criminal segundo a zona onde actuaba: “East Area Rapist”, “Original Night Stalker” ou “Golden State Killer”. Durante anos, o caso quedou sen resolver. Non había probas suficientes para dar cun sospeitoso claro. Pero en 2018, todo cambiou grazas ao avance da ciencia.
Un equipo de investigadores decidiu empregar unha base de datos de ADN usada por persoas que buscaban familiares ou coñecer as súas orixes: GEDmatch. Subiron o perfil xenético do criminal (obtido dunha escena do crime antiga) e buscaron coincidencias con posibles parentes afastados.
A partir desa información, crearon unha árbore xenealóxica que lles permitiu chegar ata Joseph James DeAngelo, un antigo policía retirado. Investigárono en segredo e conseguiron unha mostra do seu ADN dun obxecto que tirara ao lixo. A coincidencia foi exacta.
Así, despois de máis de 40 anos, o “Golden State Killer” foi finalmente detido. O caso foi un dos primeiros no mundo resoltos grazas á xenética forense.
O caso de Colin Pitchfork (Reino Unido, 1986):
En 1986, a policía británica tivo un caso moi grave: dúas mozas foron asasinadas na zona de Leicestershire, no centro de Inglaterra. A investigación non daba resultados claros ata que entrou en escena unha nova técnica científica: a identificación por ADN.
O científico implicado foi Alec Jeffreys, quen descubriu a chamada “pegada xenética”, unha técnica que permite identificar a unha persoa a través do seu ADN, como se fose unha marca única. A policía pediu axuda a Jeffreys para analizar as mostras biolóxicas atopadas nas escenas dos crimes. Co seu apoio, fixéronse probas a máis de 4.000 homes da zona. Entre eles estaba Colin Pitchfork, pero este logrou enganar temporalmente aos investigadores: convenceu a un compañeiro para que se fixese pasar por el no exame.
A trampa acabou descubríndose, e Pitchfork foi detido. Ao final, confesou os crimes e converteuse no primeiro asasino condenado no mundo grazas a unha proba de ADN. Este caso marcou un antes e un despois na historia da criminoloxía. A partir de entón, o ADN comezou a empregarse en todo o mundo como proba legal fiable.
O caso de Ángel González (EE.UU., 1994)
En 1994, Ángel González, un mozo de orixe mexicana que vivía no estado de Illinois (EE.UU.), foi acusado de violación e secuestro. A pesar de que el aseguraba ser inocente e de que tiña unha coartada, foi condenado a 55 anos de cadea. A sentenza baseouse unicamente na identificación dunha testemuña e nun interrogatorio que fixeron sen intérprete nin avogado.
Durante máis de dúas décadas estivo no cárcere. En 2015, o Innocence Project conseguiu reabrir o caso e solicitou unha proba de ADN sobre as mostras recollidas no momento dos feitos. O resultado foi contundente: o ADN atopado non pertencía a Ángel González, senón a dúas outras persoas.
Grazas a isto, foi declarado inocente e posto en liberdade tras pasar 20 anos preso por un crime que non cometera.
O caso de "Night Stalker": Richard Ramirez (EE.UU., 1984-1985)
Entre 1984 e 1985, varias cidades de California vivían aterrorizadas por un criminal que entraba nas casas durante a noite, atacando brutalmente ás vítimas mentres durmían. O seu nome real era Richard Ramirez, pero os medios chamárono “Night Stalker”.
Cometeu asasinatos, violacións e roubos, sen patrón fixo: homes, mulleres, anciáns e mesmo nenos foron vítimas. A súa brutalidade e imprevisibilidade complicaron moito a investigación. Todo comezou a cambiar cando a policía recollera unha pegada de zapatos e unha mostra de ADN nunha das escenas do crime. A mostra biolóxica permitiu crear un perfil xenético e, cando Ramirez foi detido por outro motivo, o seu ADN coincidía co das escenas dos crimes. Foi condenado por 13 asasinatos, entre outros cargos, e sentenciado á pena de morte en 1989.
Inocentes liberados polo ADN:
Como xa vimos antes, moitas persoas poden recuperar a súa liberdade grazas ás probas de ADN que demostran que foron condenadas de forma equivocada. Estes casos amosan o valor que ten a ciencia para corrixir erros xudiciais e facer que a xustiza sexa máis xusta.
Un dos casos importantes é o de Kirk Bloodsworth, quen foi o primeiro condenado á pena de morte nos Estados Unidos que conseguiu a absolución pola proba do ADN. Bloodsworth permaneceu oito anos en prisión antes de que as análises xenéticas demostraran a súa inocencia, salvándoo da execución.
Tamén está o caso de Steven Avery, que pasou 18 anos preso por un delito que non realizou. Foi grazas ás novas técnicas de análise xenética que en 2003 se puido probar que Avery era inocente, facendo que o seu caso adquirise gran repercusión a nivel mundial.
Ademais, a organización Innocence Project desempeñou un papel fundamental na revisión de casos antigos, logrando que máis de 375 persoas inocentes fosen liberadas en Estados Unidos. Esta empresa traballa para empregar as tecnoloxías xenéticas modernas para garantir que ninguén sexa castigado sen que existan probas fiables. Por iso, o ADN non só serve para identificar culpables, senón que tamén é imprescindible para defender a inocencia e evitar que persoas inocentes sufran unha condena inocente.
Que pasará no futuro?
A xenética forense non deixou de mellorar dende que comezou a utilizarse. Hoxe en día xa se poden analizar mostras moi pequenas ou mesmo degradadas, algo que antes era imposible. As novas técnicas permiten traballar máis rápido e con maior precisión, resolvendo casos en menos tempo e con menos erros.
Ademais, están empezando a combinarse a xenética coa intelixencia artificial, o que podería facer que no futuro se poidan comparar miles de perfís xenéticos en segundos. Isto axudaría moitísimo en casos complexos ou cando se traballa con bases de datos internacionais.
Pero os avances non son só tecnolóxicos. Tamén se está traballando para que o uso do ADN sexa sempre xusto e respectuoso. É dicir, que non se empregue sen permiso ou para discriminar a ninguén. A ciencia debe servir para axudar ás persoas, non para facer dano. No futuro, a xenética forense podería axudarnos a previr delitos, resolver casos máis rápido e, sobre todo, evitar que persoas inocentes acaben condenadas por erro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.